Back

ⓘ Rubia galega. A rubia galega é unha raza de vacún autóctona de Galicia. É a máis característica de Galicia e ten o pelo de cor rubia con variacións de ton. Empr ..



Rubia galega
                                     

ⓘ Rubia galega

A rubia galega é unha raza de vacún autóctona de Galicia. É a máis característica de Galicia e ten o pelo de cor rubia con variacións de ton. Emprégase para a produción de carne e noutros tempos como animal de traballo. Abunda especialmente na provincia de Lugo, onde se concentra o 75 % do censo, e na provincia da Coruña, estando tamén presente noutras comunidades e noutros países de Europa de Suramérica.

                                     

1.1. Orixe e historia da raza Antecedentes históricos

Segundo a lenda, a raza rubia galega comezaría na protohistoria, cando unha tribo celta indoeuropea ocupou gran parte da Europa Central. Segue dicindo que un grupo da raza de Gael, procedente da zona celta francesa, foi desprazado e ocupou o norte de España ata chegar a Galicia. Nesta longa viaxe levaría consigo o seu gando, incluíndo o gando vacún que xa fora domesticado séculos antes. Este gando influiría sobre os bovinos autóctonos existentes - descendentes do Bos primigenius e hoxe desaparecidos -, para terminar conformando unha raza que deu ó pobo galego grandes utilidades zootécnicas.

Outros autores, como Luciano Sánchez, comparten a tese de que procedería dun primigenius exipcio que se dispersou polo norte de África, chegando á Península Ibérica de aí a Francia e Inglaterra. Outros García Fierro e Aparicio Sánchez supoñen unha orixe común á rubia galega e á pirenaica, e mesmo a outras razas francesas.

En calquera caso, a raza foi estendéndose por toda Galicia e os antigos gandeiros galegos souberon seleccionar as súas mellores cualidades co paso dos séculos, construíndo unha vaca que, sen destacar nunca en ningunha das tres aptitudes clásicas carne, leite e traballo si reunía as suficientes capacidades nas tres para converterse nun animal que satisfacía perfectamente as necesidades do gandeiro: suficiente cantidade de leite, e rica en graxa, suficiente cantidade de carne de calidade, e notable capacidade de traballo para tirar do carro e do arado. Mariño Ferro resumíao así:

E, segundo o MAGRAMA:

Pero ó final foi a aptitude cárnica a que prevaleceu. Esta selección, empiricamente dirixida, foi mellorando a conformación cárnica da raza ata se converter nunha especie de despensa cárnica do resto de España e, a partir de finais do século XIX, de Portugal e Inglaterra.

Ata finais do século XIX non se estableceu un estándar racial que fixase a morfoloxía da vaca rubia e, polo tanto, non se consideraba realmente como unha raza definida. O gando presentaba morfoloxías, capas e aptitudes moi diversas, que os técnicos da época dividían en dúas variedades xeográficas non razas diferentes: unha que se criaba nas provincias costeiras, e que tomaba o nome de valesa ou mariñán, e outra propia de zonas altas, na Galicia interior, chamada raza da montaña. Falábase tamén dunha raza teixa ou vermella, de cor rubia, e outra marela, de cor máis clara, ata abrancazada que recibía o nome de varela.

Segundo as descricións que existen, era un gando rústico, cativo e fraco, moi probablemente porque nunca se sometera a selección e porque estaba mal alimentado e sobreexplotado, como animal de traballo para tirar do carro e do arado. Cómpre salientar tamén que nesas datas - durante toda a segunda metade do XIX - exportábanse a Castela, Inglaterra e Portugal os mellores exemplares, ata un total próximo ós 850.000 animais entre 1840 e 1900 segundo Carmona Badía, nunha sangría que facía imposible unha mellora da raza.

Pero antes desta masiva exportación a Inglaterra, veremos como Galicia alimentaba as carnicerías madrileñas.

                                     

1.2. Orixe e historia da raza Historia recente

En 1896, Suárez Casas publica o primeiro estudo que se coñece con propostas científicas para a mellora do gando vacún galego: Soluciones para el mejoramiento de la raza bovina y riqueza agrícola industrial en la región noroeste de España. Alí propón medidas como a selección dos reprodutores, mellorar a alimentación e mellorar as condicións hixiénicas do manexo e aloxamento do gando, á vez que recomenda cruzamentos mellorantes a curto prazo.

En realidade, estes xa se viñan realizando desde, polo menos, 1888 cos cruzamentos con sementais de razas Simmental e Frisoa na Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, fundada nese ano. A partir de 1892 organízanse os primeiros concursos de gando, nos que se conceden premios ós mellores exemplares se estimula ós gandeiros a introducir melloras nas súas explotacións. No concurso da Coruña de 1905 introdúcese a valoración do gando por puntos, mediante criterios obxectivos, sistema que se aplicará xa sempre no futuro. En 1906 celébrase en Lugo o Primeiro Concurso Regional de Ganado Vacuno del Pais, no que xa só se premian os exemplares da raza marela mentres que ó gando estranxeiro ou mestizo só se lle conceden diplomas. En 1914 créase o primeiro Sindicato Agrícola en Muras, Lugo, que se marca, entre outros, o obxectivo de loitar por a mellora da gandería, que as nosas reses alcancen o seu xusto valor, a celebración de concursos de gando, a velar pola hixiene e sanidade pecuaria das reses que aquí explotamos. ".

Foi o veterinario Juan Rof Codina, en 1916, quen fixo a primeira descrición formal das características raciais e produtivas. Establecía a diferenza entre as subrazas dos vales e da montaña, en canto ó desenvolvemento, a finura do esqueleto e o tamaño dos cornos maiores na variedade de montaña. En 1933, a Dirección General de Ganadería publicou o primeiro libro xenealóxico da raza, xa por fin coa consideración de raza propia, e fixou o estándar racial. Aínda que a morfoloxía que describe se centra moito nas aptitudes dun animal de traballo, pois ese era o aspecto máis valorado daquela, as características da raza pretendían recoller as tres aptitudes: Cualidades leiteiras aceptables, con boa riqueza en materia graxa. Aptitude ó engorde de bo rendemento no matadoiro. Facultade para o traballo agrícola ".

Entre as dúas liñas posibles para mellorar a raza: importación de sementais doutras razas presuntamente mellorantes da aptitude cárnica fronte á selección dos mellores exemplares e o seu aproveitamento como reprodutores, optouse pola primeira, en contra do criterio veterinario de expertos como Rof Codina, Prado ‘’Lameiro’’ ou Félix Gordón Ordás, que defendían a necesidade de comezar cun labor de selección e mellora gandeira baseado na selección dos mellores exemplares. De feito, os dous primeiros xa destacaran polas súas publicacións recomendando ós gandeiros esta liña de mellora, para o que impulsaron as feiras de gando como xa mencionada de Lugo de 1906 como tribuna para expoñer, valorar e premiar sementais e vacas rubias de alta calidade.

Comezaron así as importacións de sementais de razas cárnicas, como as inglesas Aberdeen, Hereford e Durham, ou as suízas pardo alpina e, sobre todo, a Simmental, raza que reunía as tres aptitudes, como a rubia. A mellora inmediata das crías obtidas foi evidente, pero iso levou á substitución das vacas rubias do país polas mestizas obtidas destes cruces, o que só podía levar á dexeneración e desaparición da raza galega a corto ou medio prazo. Afortunadamente, a partir de 1944 suspendéronse estes cruzamentos e comezou un labor de selección do gando rubio polas súas cualidades cárnica e láctea.

Tamén esta nova liña de actuación deu bos resultados, como o evidencia o feito de que no Concurso Nacional de Gando celebrado en Madrid en 1913, os machos expostos exemplares adultos de 44 meses de idade só alcanzaban un peso vivo de 603 kg, un grandor de 134 cm á cruz e 193 cm de perímetro torácico, mentres que no XIV Concurso Provincial de Gando, celebrado en Lugo en 1958, estes mesmos parámetros xa eran de 1.000 kg, 150 cm e 229 cm, respectivamente. O Libro Xenealóxico esixe medidas menos esixentes.

Outro dato que reflicte esta evolución é a produción láctea, que Rof Codina estimaba en 1929 nuns 1.000 litros anuais e hoxe supera os 2.200 litros.

Falábase neste momento do que se deu en chamar rubia galega mellorada, e que describira Carballal Palmeiro en 1947, fixando as modificacións morfolóxicas que xa se conseguiran nese momento probablemente por influencia dos cruzamentos coa Simmental, que deran lugar á aparición de animais máis corpulentos e insistindo nas liñas nas que se debería seguir seleccionando. Marcou simultaneamente novos obxectivos a fixar, como, por exemplo, uns pesos medios de 600 kg nos machos, fronte ós 400–460 kg dos exemplares non mellorados. Outra das propostas que fixo foi a de considerar como caracteres a ir eliminando as capas máis claras varela.

                                     

1.3. Orixe e historia da raza A vaca rubia como raza cárnica

Como xa se dixo, a vaca rubia era un animal de tripla aptitude: carne, leite e traballo, pero era evidente que non tiña futuro ningún como vaca leiteira xa que outras razas producían moito máis leite que ela. Isto explica a difusión da raza Frisoa en Galicia e en todo o mundo occidental. E a capacidade de traballo pasou a ser irrelevante cando a mediados do século XX a tracción mecánica veu substituír a tracción animal nos traballos agrícolas. No momento en que o camión e o tractor se popularizaron, a forza de traballo do gando no xugo perdeu todo o seu valor. Só lle quedaba á vaca rubia a súa capacidade de produción de carne.

Xa durante a Reconquista, Galicia foi a fonte de carne e bois de traballo para cubrir as necesidades da Castela interior. Filipe II ordenou en 1596 que Galicia achegase 5.000 quintais de chacina para abastecer a Armada Invencible, pero só se chegou a cargar a metade, no porto da Coruña. Para completar eses 2.500 quintais de chacina houbo que sacrificar 1.100 bois.

Segundo recolleu Pérez Costanti nas súas Notas viejas Galicianas, tamén quixo Filipe II que o gando vacún galego servise para repoboar o reino de Granada, para o cal requiriu á entón provincia de Santiago que procedese a reunir o gando necesario e organizar a expedición a Granada, pero engade que este transporte nunca se levou a cabo porque o Concello alegou que era absolutamente inviable levar este gando andando ata Granada pola súa lentitude na marcha, polas súas necesidades de pasto verde que non existía no traxecto desde Galicia a Granada e porque ese gando era necesario en Galicia para a labranza e o carreto.

Na Descripción del Reino de Galicia, escrita en 1647 e descuberta e editada por Xosé Filgueira Valverde en 1948, apúntase que:

Igualmente, hai constancia de que en 1853 xa se subministraba carne a Madrid e, segundo Carmona, dous séculos antes, tamén e engade que o gando ía polo seu pé ata Madrid, en rabaños de 5.000-10.000 cabezas. Xa Martín Sarmiento deixou escrito no século XVIII que cumpría criar máis gando en Galicia con este fin:

A exportación de gando vacún a Inglaterra comezou en 1842 e foi crecendo ano tras ano ata interromperse definitivamente en 1897. Carmona Badía, que estudou con detalle este comercio achega cifras significativas: 519.162 reses a Inglaterra entre 1842 e 1897, máis 332.127 a Portugal entre 1862 e 1887 boa parte destas últimas acabaron sendo reexportadas a Inglaterra. Durante os anos posteriores a 1868 alcanzou cifras medias de 36.000 reses anuais, bois feitos e cebados de 3 a 6 anos.

O gando exportado procedía maioritariamente das zonas próximas ós portos de embarque, que eran A Coruña e Vigo, e moito menos, Carril e Marín. As empresas que o recollían eran galegas ou mixtas con Portugal pero eran os ingleses os que controlaban o resto do proceso de comercialización quedándose, por conseguinte, coa maior parte dos beneficios.

Non só influíron nesta evolución ascendente as posibles cualidades da carne dos bois rubios. Tamén o feito de que unha epidemia de peste bovina afectase toda Europa central a partir de 1865 e cortase o aprovisionamento a Inglaterra, terminando por afectar tamén o gando inglés.

Pero todo acabou en 1897, cando unha suposta epidemia en Galicia fixo que os ingleses cortasen as importacións. En realidade, segundo Carmona Badía, a verdadeira razón foi comercial, pola entrada no mercado da carne inglesa dos produtores norteamericanos, capaces de subministrar a mellores prezos tanto gando vivo como, sobre todo, carne conxelada. El Eco de Galicia, unha revista arxentina da emigración galega en Suramérica, queixábase en 1893 de que en Galicia non se aprendese nada desta experiencia, e que se seguise transportando o gando vivo en tren desde Galicia a Barcelona ou a Madrid, coas conseguintes perdas de peso e mortalidade ocasional, en vez de implantar o transporte de canais en vagóns frigoríficos. A revista cubana Follas Novas denunciaba o mesmo en 1900, puntualizando que no transporte a Barcelona se producía ata un 50% de mortalidade. Rof Codina, en 1914, volvía incidir en que este sistema de transporte representaba unhas perdas que calculaba nunhas medias de 50 kg de peso vivo en animais adultos de 15 kg en animais novos, aínda que recollera casos de perdas moi superiores. Non foi ata despois de 1928, coa construción do primeiro matadoiro frigorífico en Galicia, no Porriño, cando se puido comezar co transporte de canais refrixeradas e conxeladas.

Todo isto non quere dicir que aí se acabase a exportación de gando desde Galicia, nin moito menos. Crespo Rivas quen en 1915 fora promotor dun Sindicato Agrícola Católico escribe que "o gando galego foi comido nas trincheras dos aliados ou, cando menos, en Francia e que saíron de Galicia con tal fin, nos seis anos que van de 1907 a 1912, 130.390 vacas e bois, 460.448 tenreiros e tenreiras, como así resulta da estatística que publica o Ministerio de Fomento en 1918 ".



                                     

2. A rubia galega na actualidade

O Libro Xenealóxico de 1933 foi substituído por un texto novo en 1969 que, á súa vez, foi modificado en 1976. A Dirección Xeral de Gandería establecía - actualizándoo - o estándar racial da rubia galega resultante dos procesos de selección e mellora realizados ata entón.

En 2012 publicouse a normativa vixente hoxe: Resolución de 30 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, pola que se publica a de 29 de marzo de 2012, pola que se aproba a Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da raza bovina rubia galega BOE nº 91, de 16 de abril de 2012.

Está catalogada como Raza Autóctona de Fomento, que significa que polo censo e organización se considera en expansión, de acordo cos criterios establecidos a nivel nacional ou internacional.

O censo da raza a 31 de decembro de 2013 era de 65.469 animais - 50.252 femias e 15.217 machos - en 2.282 explotacións, pero debe terse en conta que esta cifra só indica os animais inscritos no Libro Xenealóxico, requisito que exclúe numerosos exemplares, como tal os destinados a cebo ou que non respondan satisfactoriamente ó estándar racial descalifícanse aqueles exemplares que non alcancen unha cualificación mínima de 65 puntos nas femias ou 70 puntos nos machos, nunha escala ata o 100 ou que, pola razón que sexa, non se inscribiron, porque non o solicitou o propietario ou porque non puido por calquera circunstancia.

En 2010, o censo da raza era de 58.790 exemplares - 49.189 femias e 9.601 machos - en 2.749 explotacións; e en 2007, de 54.500 animais e 2.320 explotacións. Nótese como aumenta o número de exemplares á vez que se reduce o número de explotacións, claro indicador da progresiva desaparición dos pequenos gandeiros.

A área de distribución da raza esténdese por toda Galicia, preferentemente sobre unha zona de montaña media e vales fértiles do interior, comprendida entre os 300 e 600 metros de altitude, que é a máis interesante desde o punto de vista agropecuario. Aínda así, a rusticidade da raza fai que se adapte sen dificultade ningunha a calquera territorio, e é quen de aproveitar medios difíciles e terreos marxinais. O sistema de manexo deste gando é en cría semiintensiva, cunha alimentación baseada principalmente no pastoreo e cun suplemento de herba seca e concentrado no inverno.

Fóra de Galicia, está presente en Castela e León, con 368 exemplares en 15 explotacións; Madrid, con 251 exemplares en 4 explotacións; Andalucía Almería e Cádiz, con 42 exemplares en 2 explotacións; Aragón Teruel, con 28 exemplares en 1 explotación; Castela-A Mancha Toledo, con 2 exemplares e 1 explotación; e A Rioxa e Murcia cun exemplar nunha explotación en cada comunidade.

Noutros países tamén se crían exemplares de gando rubio ou se utilizan os sementais desta raza como mellorantes para razas de aptitude cárnica. Así, ACRUGA exporta seme dos seus reprodutores a Portugal, Francia, Alemaña, Polonia e Lituania, así como a Chile, Arxentina, Venezuela, México, Panamá ou Nicaragua.

Pero o país máis representativo da expansión internacional da rubia galega é, con diferenza, Brasil. Juan José Becerra, responsable da selección de sementais de ACRUGA declara que as primeiras probas se fixeron en 1999, inseminando 200 vacas de raza Nelore vaca brasileira derivada de cebús Bos indicus introducidos no Brasil no século XVIII e que hoxe representa o 90% do gando neste país). Sacrificáronse en 2001 cuns resultados moi favorables, tanto que no 2002 xa se inseminaban en torno ás 7.000 vacas. En 2008 vendéronse 42.000 doses de seme e en outubro de 2009 xa se levaban vendidas 60.000 doses. En 2009 comezou a comercializarse a carne obtida destes cruzamentos baixo a denominación de Vitela Gallega sacrificada con 7-8 meses de Carne de Rubia Gallega de Brasil sacrificada con 12-13 meses.

Para dar idea da presenza da rubia galega noutros países téñase en conta o feito de que en 2013 o número de doses de seme vendidas por ACRUGA no estranxeiro ascendeu a 153.609. No mesmo período de tempo vendéronse máis de 126.000 doses de seme en España.

                                     

3. Estándar racial

A rubia galega é un animal de perfil recto ou lixeiramente subconvexo. A cabeza é máis longa nas femias que nos machos. As orellas relativamente grandes, con pelos no interior do pavillón, da mesma cor cá capa. Mechón de pelo, tamén da mesma cor cá capa, na protuberancia frontooccipital. O pescozo é forte, curto e musculado nos machos, co bordo superior convexo, e fino e delgado nas femias, co bordo recto; a barbela, reducida.

Ese pescozo avultado característico dos machos, tamén chamado xugueira porque é onde apoia o xugo, era un carácter moi valorado hai tempo, cando o boi rubio turraba do carro. Ter unha boa xugueira indicaba que o boi xa estaba afeito a ser xunguido e traballar co arado e co carro, traballo que lle formara calo nesa zona.

Os cornos son de nacemento posterior e a dirección habitual é cara adiante e arriba, coas puntas inclinadas cara atrás. Luciano Sánchez detecta que esta conformación é a común nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, mentres que na de Lugo son frecuentes as encornaduras en gancho curto ou en roda, quizais por influencia dos cruzamentos con Simmental ou South Devon. Debe tenderse como preferible á diminución do seu tamaño, especialmente nos machos nos que, en calquera caso, xa son máis curtos e grosos.

O tronco presenta unha liña dorsolumbar horizontal e ancha, especialmente nos machos, considerándose caracteres desfavorables unha cruz destacada ou a elevación do nacemento do rabo. A cruz debe ser redondeada e cuberta cara os lados, e a grupa ampla, musculada e, como dixemos, horizontal; considérase desfavorable unha diferenza superior a 1 cm entre a altura á cruz e a altura á entrada da grupa, nos machos, de 2 cm nas femias. Peito amplo e musculado. Ventre profundo e ancho.

As coxas, moi musculadas e convexas, pero sen depresións nin irregularidades apreciables ó exterior. As patas, robustas, con pezuños redondeados, pechados de tamaño proporcionado.

O ubre será redondeado, globoso, ben implantado cara adiante e cara o perineo. Os tetos, proporcionados e simétricos. As veas mamarias ben destacadas sobre a pel. Os testículos, proporcionados, de cor rosáceo e sen pigmentacións. O rabo, longo e coa xema terminal con pelos longos e abundantes; considérase carácter a eliminar o rabo en caxato, de nacemento alto.

A altura á cruz, nos machos, está arredor dos 145 cm; nas femias, nos 135 cm. O peso medio alcanza os 1.000 kg nos machos e os 700 kg nas femias. Pero falamos de pesos medios, amplamente superados por algúns exemplares expostos nas últimas feiras de gando: a modo de exemplo, na Feira do Gando de Silleda de 2004 expuxéronse sementais de 1.527, 1.603 e 1.680 kg de peso.

A cor característica da raza é a rubia ou teixa, admitíndose oscilacións que van dende cores máis claras: capa marela, a máis escuras: capa vermella. En calquera caso, a capa será uniforme, rexeitándose manchas de cor distinta á da capa en calquera parte do corpo, o que non afecta as habituais degradacións centrífugas da cor na bragada, cara interna e posterior das coxas, axilas, partes distais das extremidades, xema do rabo, morro e ó redor do ollo. As mucosas morro, vulva e escroto, serán de cor rosada, e os pezuños e cornos de cor clara, variando desde o branco rosado ó castaño, nunca negra, aínda que ás veces os cornos presentan un escurecemento cara as puntas. O pelo será espeso, brillante, fino e liso.

Considéranse caracteres eliminatorios todas aquelas taras hereditarias ou malformacións físicas evidentes, e especialmente se afectan á capacidade reprodutora. Particularmente, serán defectos eliminatorios o prognatismo superior ou inferior, a coloración negra ou pizarrosa na lingua, nas mucosas ou nos pezuños, manchas brancas en calquera parte do corpo, coloración da pel distinta á norma ou presenza de pelos doutra cor que o da capa en calquera lugar do corpo.

                                     

3.1. Estándar racial Rubias e marelas

É máis común a capa marela cá rubia, polo que cabe a posibilidade de que o nome oficial da raza estea pensado en castelán, lingua na que a cor rubia se corresponde máis coa que en galego sería o marelo mentres que o rubio galego equivalería ó castelán rojo. De aí que a denominación común da raza, en enquisas realizadas polo Instituto da Lingua Galega cara 1960 entre os falantes de 241 puntos de toda Galicia sexa marela e do país, seguida a distancia por rubia. A forma rubia gallega - con ll - e variantes recóllese minoritariamente e a forma rubia galega e variantes non se recolleu en ningunha enquisa.

Canto á presenza da cor da capa na literatura popular, tamén salienta, con diferenza, a designación marelo, - a sobre calquera outra. Ferro e Benavente recolleron 16 refráns nos que se facía mención expresa á cor da capa, aparecendo vacas ou bois marelos en 13 casos, fronte un boi teixo, outro loiro e unha vaca vermella.

Son máis numerosas as cantigas recollidas, pero mantense a primacía de vacas ou bois marelos, con 40 aparicións, fronte a 5 roxos, 2 vermellos, 1 louro, 1 teixo e unha vaca rubia. Tamén acontece así nas 20 adiviñas que recolleron: 13 vacas ou bois marelos - ou amarelos - fronte a 4 rubios, 2 vermellos e 1 roxo.

Tampouco o etnógrafo Xaquín Lorenzo utilizou o termo rubia para designar a raza. Cando describe o gando vacún na súa "Etnografía" comprendida na Historia de Galiza que dirixira Otero Pedrayo, só a denomina como raza galega.



                                     

4. Características produtivas

Segundo datos de ACRUGA e o MARM:

  • Índice de fertilidade en torno ó 67 %, e índice de prolificidade de 5 becerros por nai superior ó doutras razas de aptitude cárnica.
  • Rendemento á canal do 62.07%, cunha alta porcentaxe, do 55%, de pezas de carne das categorías extra e primeira, e unha composición moi favorable en carne comercial do 78.21% do total da canal, fronte un 19.06% de ósos e graxa.
  • Facilidade de parto: o 85% das vacas paren soas e o 98% dos partos poden cualificarse de fáciles.
  • Intervalo entre partos de só 409 días segundo o MAGRAMA, 473 días, e idade ó primeiro parto de 26 meses.
  • Lonxevidade de ata 21 anos, aínda que se estima unha vida produtiva media de 10.7 anos.
  • Alta capacidade de crecemento dos becerros, con ganancias medias diarias de 1.2 kg durante a lactación ata os 210 días, que permite destetalos ós 7-8 meses de idade con pesos de 300–400 kg, e 533 kg ós 12 meses. Unha vez producida a desteta, as ganancias diarias seguen sendo moi produtivas, con valores medios de 1.885 g nos machos e 1.375 g nas femias.
  • Produción de leite media de 2.239 kg anuais en 296 días, medida na terceira lactación, cunha composición media do 4.4% de graxa. A produción media diaria é, xa que logo, de 7.5 quilos diarios, unha cifra que resulta elevada para unha vaca de aptitude cárnica.
  • Índices de conversión menores a 5.

Como quedou dito, é unha raza de aptitude cárnica e dunha carne de calidade, pero tamén se utiliza como mellorante, cruzando os machos desta raza con femias de razas de aptitude láctea ou mixta. É a raza de aptitude cárnica máis utilizada en España nos cruzamentos industriais por inseminación artificial.

Evidentemente, xa non se explota na aptitude láctea nin moito menos na de traballo, pero aínda así non é a produción cárnica a súa única utilidade. Ó ser unha raza criada basicamente en réxime de pastoreo, adáptase ó minifundio galego e contribúe a valorizar este réxime de propiedade. A súa rusticidade facilítalle o aproveitamento de forraxes diversas, contribuíndo así a manter un equilibrio medioambiental; en xeral, está comprobado que o pastoreo das razas autóctonas ten un claro efecto positivo na prevención dos incendios forestais. Finalmente, a cría de vacas rubias, como acontece tamén coa doutras razas autóctonas, dá lugar á produción de esterco e estrume, de indubidable valor no mantemento do solo e imprescindible para unha agricultura sostible.

                                     

5. ACRUGA

A sociedade que desenvolve esta raza é a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega ACRUGA, fundada en 1968 e con sede en Lugo. Desde 1975 é unha entidade colaboradora do Ministerio de Agricultura para a xestión do Libro Xenealógico e o Programa de Mellora da raza, en todo o Estado.

ACRUGA realiza diferentes probas nos exemplares que aspiran a ser inscritos no Rexistro do Libro Xenealóxico coa finalidade de valorar as súas características. Estas probas fanse tanto sobre os futuros reprodutores vacas ou sementais como sobre as súas crías, e comezan xa na granxa de orixe para rematar no matadoiro ou no centro de testaxe que a Asociación posúe en Adai O Corgo, Lugo. Os sementais, unha vez comprobados e cualificados como Excelentes, pasan a ser considerados Bois probados e trasladados ó Centro de Selección e Reprodución Animal de Galicia Xenética Fontao, en Esperante Lugo, onde pasan o resto da súa vida reprodutora.

As probas que se realizan para a valoración dos reprodutores aplícanse ós candidatos e ás crías que producen probas de descendencia. Entre elas citaremos as seguintes:

  • Peso ó sacrificio e peso da canal.
  • Peso ó nacemento e peso á desteta ós 210 días.
  • Idade ó primeiro parto e intervalo entre partos.
  • Rendemento da canal, conformación e grao de engraxamento.
  • Índice de conversión relación entre os quilogramos de penso consumido e os quilogramos de incremento de peso.
  • Medidas zoométricas ós 14 meses de idade.
  • Facilidade de partos.
  • Ganancia de peso media diaria tras a desteta entre os 8 e os 14 meses.
  • Valoración zoomorfolóxica ós 14 meses de idade.

ACRUGA tamén posúe un Centro de Recría de xovencas na granxa Gaioso, en Castro de Rei Lugo, creado en 2007. Nestas instalacións mantéñense femias desde os 8 meses de idade ata que se inseminan, ós 15-18 meses de idade, e unha vez confirmada a xestación, póñense á venda entre os asociados ou novos socios, ou en poxa pública. As mellores femias resérvanse no Centro para constituír un rabaño de elite para actividades de exposición en diferentes eventos gandeiros, así como para a realización de estudos xenéticos.

Por outra banda, ACRUGA realiza actividades dirixidas ós gandeiros asociados entre as que destaca a formación en temas zootécnicos. Igualmente, organiza ou participa en certames de gando selecto e vende xovencas preñadas ou sementais probados, así como doses de seme.

                                     

6. Normativa aplicable

  • Resolución de 10 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Recursos Agrícolas e Gandeiros, pola que se aproba o programa de difusión da Mellora da raza bovina Rubia Galega, presentado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto da Raza Rubia Galega ACRUGA.
  • Resolución de 23 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Recursos Agrícolas e Gandeiros, pola que se publica a de 22 de novembro de 2011, pola que se aproba o programa de mellora da raza bovina Rubia Galega BOE nº 293, de 6.12.2011.
                                     

7. A vaca marela na cultura popular galega

O refraneiro referido á vaca, ó boi ou ós becerros, o mesmo que acontece coas cantigas e adiviñas sobre o mesmo tema, non adoitan reflictir a raza do animal do que falan nin a cor da súa capa. Dentro da economía léxica da literatura popular non tería sentido entrar neses detalles cando o aspecto que se quere tratar non está influenciado por aqueles. Por iso temos que supoñer que, salvo que se exprese o contrario, calquera refrán referido ó gando vacún sería perfectamente aplicable ós exemplares da raza rubia galega.

Non obstante, é certo que un pequeno número destas paremias fan mención expresa á raza ou á cor que interpretamos como indicativo da raza. Así, temos os seguintes refráns.

                                     

7.1. A vaca marela na cultura popular galega Refraneiro

  • O boi marelo, lapón ou zoupeiro.
  • A vaca marela non hai quen poida con ela.
  • Nin bo porco, nin bo marelo, nin boa herba por riba do rego, nin boa mula que faga xin nin boa muller que fale latín.
  • Mal lle vai á corte onde o boi teixo non tuse.
  • Marela que anda maronda, móntase nas outras.
  • Nin bo Pedro nin boi marelo, nin boa herba por riba do rego, nin boa mula que faga gin nin boa muller que fale latín.
  • Herba pallarega non a quer a marela.
  • Non hai mal que por mal non veña, morreume a sogra e pareume a vermella.
  • Presa de palleira non lle peta á marela.
  • O boi marelo, zoupo ou larpeiro.
  • Boi marelo, pouco andar e moito penso.
  • O que non munxe marela, non fai queixo nin manteiga.
  • Miña marela gallarda, ara, carreta e non cansa.
  • Nin bo Xan, nin bo Pedro, nin boi marelo por riba do rego.
  • Nin bo Xan, nin bo Pedro, nin boi marelo enriba do rego.
  • Marela que anda maronda, abéirase cas outras.
  • Mariquiña do terbelledoiro, o teu pai ten un boi loiro.
  • Boi marelo escuro, ara polo mol, ara polo duro.
  • Boi marelo lourado, primeiro morto que ampeado.


                                     

7.2. A vaca marela na cultura popular galega Cantigueiro

No seguinte grupo achéganse as cantigas recollidas, mesturadas con outras fórmulas semellantes como ensalmos, coplas ou panxoliñas.

  • Un veciño do lugar/ ten unha vaca marela/ que mercou na Feira Nova/ por seis pesetas e media.
  • Para a sumana que vén/ hei de arar a miña roza/ regho abaixo, regho arriba/ ca miña vaquiña roxa.
  • Heiche de dar o boi blanco/ e mais a vaca marela,/ e mais a filla máis nova/ si queres casar con ela.
  • Miña soghra e maila túa/ van na feira da Bandeira/ vender o becerro blanco/ fillo da vaca marela.
  • Se tes unha cagadela/ chama a túa nai/ que muxa o leite/ da vaca marela.
  • Agora que estou baleira/ queres vir á miña herba;/ vai buscar a comedeira,/ ponte ó lado da Marela.
  • Miña nai e maila túa/ van na feira da Portela/ vender o becerro teixo/ ai, fillo da vaca marela.
  • Miña nai e mais a túa/ ambas iban á taberna,/ levan a xatiña branca/ e mais tamén a marela.
  • Miña nai e maila túa/ van na feira en Paradela,/ van vender a xata roxa,/ filla da vaca marela.
  • Miña nai e maila túa/ as dúas van á taberna;/ levan a cuxiña branca/ e mais tamén a marela.
  • San Antonio garde o gando/ e mais a vaca marela,/ e mais a filla máis nova/ se non quer gardar a vella.
  • Xa me daban o boi pinto/ fillo da vaca marela,/ se me caso cunha filla/ nacida na nosa terra.
  • Heiche de dar o boi blanco,/ fillo da vaca marela,/ e maila filla máis nova/ se non queres a máis vella.
  • Heiche de dar o boi branco/ e mais a vaca marela/ e mais a filla máis nova/ pra que te cases con ela.
  • Miña nai e maila túa/ ambas van en Paradela/ vender a becerra pinta,/ filla da vaca marela.
  • Miña mai e maila túa/ van na feira en Lousadela,/ vender o becerro pardo,/ fillo da vaca marela.
  • Tarabela, tarabela,/ dálle pouco/ á vaca marela.
  • Miña nai e maila túa/ ámbalas dúas van na feira,/ levan un cuxiño roxo/ fillo da vaca marela.
  • Iheiche de dar o boi blanco/ a maila vaca marela/ a maila filla máis nova/ si non queres a máis vella.
  • A novia ten bo mantelo/ que llo fixo o señor novio/ cos collóns dun boi vermello.
  • Rapaza que estás na horta,/ collendo un manto de verzas;/ bótallas ó boi marelo/ e olvida cousas que pensas.
  • Neniña que vas co gando,/ lévame a miña marela,/ que está berrando na corte,/ por unha gavela de herba.
  • De Pesadoira a Cornado,/ rapazas de Pesadoira,/ ponte marela ó carro.
  • Miña nai e maila túa/ van xuntas a Paradela/ vender o becerro blanco/ fillo da vaca marela.
  • Heiche de dar o boi louro/ e maila vaca marela/ a maila filla máis nova/ se non queres a máis vella.
  • Cando poño os bois ao carro/ sempre digo ¡Dios mediante!/ e o carro sobe a costa/ ¡ei marelo para adiante!
  • Ios collois do cura vello/ van nun carro cara o inferno/ i a criada vai detrás/ ¡tó, Castaño, vente ó rego!
  • Rapaza que vas coas vacas/ lévame a miña marela/ que ta berrando na corte/ por unha gavela de herba.
  • Nenas que ides co ganado/ levai a miña marela/ queda na corte berrando/ por unha gavela de herba.
  • Dios che mande o sol/ que che hei dar o boi millor/ e a vaca marela/ e a filla con ela/ e o porco ruzo/ que anda no puzo/ e o porco blanco/ que anda no campo/ e a galiña curupeluda/ que pon os ovos prá seitura.
  • Sei arar cun bo arado,/ poñer direita a rabela,/ atrás Roxa, máis un pouco,/ báixate ó regho, Marela.
  • Miña soghra e maila túa/ van na feira da Portela/ vender o becerro neghro/ fillo da vaca marela.
  • Bátete, leite/ de vaca marela;/ pace no monte/ e bebe na serra.
  • Miña nai e maila túa/ van á feira a Paradela/ vender o becerro branco/ fillo da vaca marela.
  • Nena que levas o gando,/ lévame a miña marela;/ queda na corte berrando/ por unha pouquiña de herba.
  • A miña vaca marela/ vai na eira do Cotónhe/ se ma vedes por aló/ carghareisma sablón.
  • Heiche de dar o boi pardo/ e maila vaca marela/ a maila filla máis nova/ si non queres a máis vella.
  • Tira ben polo arado,/ miña vaquiña marela,/ que imos ver ó Neno Dios/ que está cerquiña da veiga.
  • Louvado san Breixe,/ vou munxir a marela,/ adepárame bo leite.
  • Heiche de dar un boi branco/ fillo da vaca marela;/ heiche de da-la máis nova/ pra que te cases con ela.
  • Heiche de dar o boi blanco/ a mais a vaca marela,/ dareiche a filla máis nova/ si non queres a máis vella.
  • Fun alá enriba/ onda o boi vermello,/ o demo da cabra/ fuxeu do cortello.
  • Tira ben polo arado,/ miña vaquiña marela,/ para ir ó neno Dios,/ que está pretiño da veigha.
  • O Campo de Badernado./ Unha fala, duas falas:/ -" ¡Ponte, Marela, no carro!”.
  • Heiche de dar o boi blanco/ e maila vaca marela/ e maila filla máis nova/ se te non quer a máis vella.
  • Pariu a rubia, pariu a rubia,/ pariu a rubia, ¡vaia por Dios!/ Pariu a rubia, pariu a rubia,/ pariu a rubia, ¡cagou pra vós.
  • Faite, natiña,/ de vaca marela;/ faite, natiña,/ se te has de facer;/ faite, natiña,/ faite, natiña,/ que os frades de Meira/ non te han de comer.
  • Heiche de dar un boi roxo,/ e mais a vaca marela,/ e mais a nena máis nova,/ si non queres a máis vella.
  • Nenas que ides co ganado/ levaime a miña marela/ queda na corte berrando/ por unha gavela de herba.
  • Bon é ter moitos amigos/ e que por de ben a un teñan,/ pro, cando chega un aperto,/ val máis sempre unha marela.
                                     

7.3. A vaca marela na cultura popular galega Adiviñas

  • Unha corte chea de vacas rubias,/ vai unha negra e tórnaas todas.
  • Teño un prado cheo de vacas rubias/ e vén unha moura e mátamas todas.
  • Entre cancela e cancela/ becerriña amarela.
  • Unha corte de vacas marelas,/ cando mexa unha, mexan todas elas.
  • Están dous becerriños amarelos/ pastando nun campo de ferro,/ corren que os torce o demo.
  • Entre cancela e cancela/ becerriña marela.
  • Entre cancela e cancela/ hai unha xata marela.
  • Unha grea de vacas roxas,/ mexa unha e mexan todas.
  • Dous xatos marelos/ nunha corte de ferro.
  • Nunha corte de vacas rubias/ entra unha moura e bótaas fóra.
  • ¿Que serán vacas vermellas/ xuntiñas en certa chousa;/ entrou unha negra dentro/ botounas a todas fóra?
  • Nunha corte de ferro/ hai dous xatos marelos.
  • Entre cancela e cancela/ unha becerra amarela.
  • Entre cancela e cancela/ unha xatiña amarela.
  • Entre cancela e cancela/ hai unha becerriña amarela.
  • Altos castelos,/ bois amarelos,/ auga formosa,/ e cadela rabiosa.
  • Nunha corte de vacas rubias/ entra unha moura e botounas todas fóra.
  • Nunha cortiña de ferro/ hai dous bois marelos.
  • Sete bois brancos/ e sete marelos,/ todos pacendo/ nun prado de ferro.
  • Unha corte de vacas vermellas,/ entra un boi mouro e corre a todas elas.
                                     

7.4. A vaca marela na cultura popular galega Locucións

Aínda que poucas, hai algunhas locucións verbais ou substantivas que utilizan o sintagma vaca marela ou paralelos para designar outros conceptos. Así:

  • Deitar a marela: unirse con alguén contra outra persoa O pai deita a marela co fillo en contra da nai.
  • Ter unha marela.: ter moita retranca Ese tenche unha marela.!.
  • Lamber a vaca teixa.
  • Vaca marela: invertebrado mariño non identificado inequivocamente. Ríos Panisse - que o recolleu no Grove - suxire que talvez sexa a pulga do mar Ligia oceanica.
  • Lamber a vaca marela: arreglarse moito, peitearse e ir co pelo mollado ¡Lambeute a vaca marela!.
                                     

7.5. A vaca marela na cultura popular galega Outros aspectos etnográficos

Un dos problemas habituais do pastoreo do gando vacún é o ataque de certas moscas e tabáns. Nas horas de máximo calor estes dípteros pican as vacas no pasto e as incomodan tan intensamente que estas foxen a zonas de sombra e fano de tal modo que poden producirse accidentes entre elas ou coa xente. Para evitar isto, os pastores adoitan recoller o gando cara a corte nas horas máis calorosas.

Ás veces, os rapaces que andan alindando o gando aproveitan este feito para adiantar a hora de regresar a casa. Para conseguir que as vacas comecen o camiño de regreso e aceleren a marcha imitan o zunido das moscas, e para iso utilizan estes versos:

  • Vaca marela, pica na vela/ boi mariñán, pica tabán/ que aí vén o verán.
  • Pica, tabán,/ no tempo de vran;/ pica, tabela,/ na vaca marela.

E tamén existe o ensalmo apropiado para evitar que mosquen as vacas. Así, na Terra Chá rezan este responso:

  • Á vaca marela/ do corno virado/ pícalle a mosca/ debaixo do rabo.

Outro accidente, que pode ser moi grave, consiste na obstrución esofáxica producida pola inxestión dunha pataca, unha mazá, a cachola dun nabo, ou calquera outro alimento de certo volume. Lence Santar recolleu en Mondoñedo o uso do seguinte ensalmo polos menciñeiros daquelas terras:

A vaca Marela ten unha pataca na gorxa. A pataca se volva i-auga de i-auga, baba. Polo poder que Dios ten i-a Virxe María. Amén.

Despois se persignaban e rezaban once Avemarías.

Existe tamén o que os labregos chamaban Aire de vaca marela. Vicente Risco recolleu o seguinte ensalmo para coutar o tal Aire:

Aire da vaca marela sai das tripas e vai prá tes, sai da tes e vaite pró coiro, sai do coiro e vaite prós pelos, saite dos pelos e vaite prós cornos, e saite dos cornos e vaite pró mar donde non sintas o galo cantar nin galiña cacarexar. Con el poder de Dios y de la Virgen María un padrenuestro y un Ave María.

O ensalmo segue o procedemento de reclamar que a causa do mal - que Risco non explica - abandone as entrañas do animal das tripas ó tes, que é o peritoneo e saia ó coiro e ó punto máis extremo os cornos. Unha vez fóra, expulsa ó mal alá onde non haxa ningún veciño onde non se sinta o galo cantar. Outros ensalmos para tallar outros Aires insisten máis nas características de inhabitabilidade a onde expulsa o mal aire: onde non sintas auga correr, nin muiños moer, nin nenos chorar.

                                     

8. A vaca marela na literatura galega

A vaca e o boi marelos aparecen con frecuencia na literatura galega, tanto prosa como poesía. A seguir recóllense varios exemplos desta mención:

Valle Inclán Cantiga de vellas Eladio Rodríguez ¡Meus marelos! Ramón Cabanillas Meu carriño Federico García Lorca Romaxe de Nosa Señora da Barca Manuel María A xata Eugenio Montes Tornan as vacas para a aldea Urbano Santana

Urbano Santana conta o seguinte sucedido, sobre un home que tivo que emigrar ás Américas: Despedinme de meu pai e non chorei; despedinme de miña nai e non chorei; despedinme de miña hirmá e non chorei; despedinme de meu hirmán e non chorei; despedinme de miña novia e non chorei; e despedinme de meus parentes e tampouco chorei; pero cando salía para marchar, foi a vaca marela e meteu a cabeza por unha regandixa do cancelón, e dixo "maaa". ¡y’entonces sí que chorei!.

Afonso Eiré A vaca galega

As vacas, constitución aparte e fóra a alma, son coma os humanos. Teñen cada unha as súas características e o seu xeito de comportarse. Pero iso eran as vacas de antes: as rubias, as galegas. As vacas posuían entendemento e nomes axeitados, adaptados ao seu físico e ao seu comportamento, que había que entender desde cuxiñas. A Linda debía de ser bonita, ben feita e proporcionada. A Cachorra forte, valiente, rebeza, machota. A Paloma tiña que ser tamén ben feita, pero non era obrigado o ser unha vaca grande, aínda que tamén podía. Se os cornos non eran largos, como debía telos unha vaca do país, bautizábase como Cotena. As Garridas, como o seu nome indica, sempre eran con corpo, fortes, anchas do peitoril e dos cadrís, vacas de moita comida e poder. As Marelas eran rubias esvaídas.

Isaac Alonso Estravís O arado vai fendendo a terra

Eu chámome Xocas e son o máis novo de tres irmáns. Teño oito anos. Os meus irmáns chámanse Lolo e Sindo. Levo tres vacas: a Rubia, a Marela e a Morena. A Rubia é moi mansiña. Déixase munguir e acariñar por calquera. A Marela ergue os pes e dá couces cando se lle quere munguir, e sóio lle deixa facelo á miña nai. A Morena arestoras anda preñada de seis meses. Levo tamén unha xata amarela moi bonita e un touro moi grande de cor castaño. Tamén boto unhas poucas ovellas e, de cando en cando, unha porca cos seus bacoriños.

Xosé Filgueira Valverde ¡Marela!

Andaba a pastar vacas nos cobos das Xunqueiras. O choio non rendía e tivo que entrar de peón na fábrica. De peón pasou a torneiro, de torneiro a mecánico, e agora é capitán dunha máquina enorme que vale moitos millóns e mesmo somella que ten alma.

Chámalle" ¡Marela!” e fálalle como falaba ás vacas que baixaba ao río.

E cando escomeza a súa" xornada laboral”, porque agora é un productor sindicado, pódese escoitar como lle di, ollándolle ben fixo aos controles:

-¡Marela! A ver como te portas hoxe.

                                     

9.1. Véxase tamén Bibliografía

  • Sánchez Belda, Antonio: Razas Ganaderas Españolas Bovinas, Federación Española de Asociaciones de Ganado Selecto, 2002, 384 p, ISBN 84-491-0535-8.
  • Lorenzo Fernández, Xaquín: "Etnografía. Cultura Material", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, vol. 2. Ed. Nós, Bos Aires 1962. Reeditado por Akal, Madrid, 1979-1980.
  • Sánchez García, Luciano: Raza vacuna Rubia Gallega. Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega, 1978.
  • Ferro Ruibal, Xesús e Benavente Jareño, Pedro: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, CRPIH, 2010, ISBN 978-84-453-4948-9.
  • Fernández Rodríguez, Miguel Coord et al.: Guía de campo de las razas autóctonas españolas. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, 2009, 143-145.
                                     

9.2. Véxase tamén Ligazóns externas

  • Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega. Catálogo de sementales de raza Rubia Gallega 2013-2014
  • Ficha da rubia galega en Raza Nostra Madrid en castelán.
  • Programa de Mejora de la Raza Rubia Gallega Octubre 2011 en castelán
  • ACRUGA en galego
  • Datos xerais e datos morfolóxicos na web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de España en castelán.
Free and no ads
no need to download or install

Pino - logical board game which is based on tactics and strategy. In general this is a remix of chess, checkers and corners. The game develops imagination, concentration, teaches how to solve tasks, plan their own actions and of course to think logically. It does not matter how much pieces you have, the main thing is how they are placement!

online intellectual game →