Back

ⓘ Campionato de Galicia de fútbol. O Campionato de Galicia foi a máxima competición regular de fútbol do país durante as primeiras décadas do século XX. O seu pre ..



                                     

ⓘ Campionato de Galicia de fútbol

O Campionato de Galicia foi a máxima competición regular de fútbol do país durante as primeiras décadas do século XX. O seu precursor foi o Campionato de Galicia non oficial organizado polo Vigo Foot-ball Club entre 1905 e 1912. A partir de 1913, a Federación Galega de Fútbol comezou a organizar o campionato galego de xeito oficial. Dende a segunda edición oficial, o torneo outorgaba a clasificación para a Copa de España, de manera semellante aos outros campionatos territoriais do resto do estado. A medida que o campionato foi crecendo, fóronse creando varias divisións inferiores, recibindo o nome de Serie a primeira categoría. Durante certo tempo, o torneo coexistiu co actual sistema de ligas estatais creado en 1929. Foi eliminado en 1940 por decisión da FEF.

                                     

1.1. Historia Protocampionato organizado polo Vigo F.C.

O Campionato de Galicia comezou a organizarse ano 1905 de forma non profesional, xa que aínda non existía a Federación Galega de Fútbol, e foi un dos torneos pioneiros do fútbol galego xunto á Copa Compostelá, a Copa Pontevedra e o Campionato de Galicia e Asturias xogado na Coruña. O torneo era organizado polo Vigo Foot-ball Club e para participar na competición tan só era preciso que o club estivese legalizado. O trofeo en disputa era unha copa de prata de once quilogramos sostida por unha peaña de ébano, a cal foi doada polo rei Afonso XIII despois dunha petición dos organizadores, feito que provocou que naquela altura o campionato fose coñecido tamén como Copa do Rei.

Na primeira edición do campionato, xogaron a final o Fortuna Foot-ball Club e mailo Vigo Foot-ball Club, sendo proclamado campión o Fortuna varios meses despois, tras diversos enfrontamentos entre as directivas de ámbolos dous clubs. No torneo do ano seguinte xogan a final os dous mesmos equipos, e despois de dous partidos rematados con empate, o Fortuna gañou un terceiro encontro e revalidou o título. A terceira edición do campionato foi xogada en formato de liga, proclamándose campión o Vigo F.C. e subcampión o Fortuna. O Vigo volveu gañar o torneo ao ano seguinte tras vencer na final ao Pontevedra Sporting Club. Na quinta edición foi campión o Fortuna de Vigo despois de gañar a semifinal contra o Español F.C. de Vigo e que non se presentase á final o Victoria de Pontevedra. O Fortuna volveu gañar ao ano seguinte en circunstancias parecidas, xa que o Real Club Coruña non se presentou para disputar a final do torneo. A sétima e derradeira edición do torneo foi gañada polo Fortuna fronte ao Vigo, ficando os fortunistas co trofeo en propiedade despois desta vitoria.

Cando rematou a disputa do primeiro trofeo, o rei Afonso XIII doou unha nova Copa do Rei ao Vigo Foot-ball Club para que a puxese en disputa nas vindeiras edicións do Campionato. A nova copa, que viña gardada nun elegante estoxo, era de prata dourada cunha peaña de madeira vernizada e tiña gravado o emblema do monarca e a inscrición" Vigo Foot-ball Club. Premio de S.M. el Rey”. O Vigo non chegou a organizar un novo campionato e decidiu doar esta copa á Federación Galega de Fútbol para que fose o premio do primeiro Campionato de Galicia oficial.

                                     

1.2. Historia Primeiras edicións oficiais

Coa creación da Federación Galega en 1909, ábrese outra etapa que comeza co primeiro Campionato de Galicia oficial organizado na tempada 1913/14. Unicamente se inscribiron o Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo, resultando gañador do torneo o Vigo Sporting. Nesta edición non se outorgaba a representanción galega no Campionato de España, que xa fora dirimida noutra competición eliminatoria xogada con anterioridade á data de realización do Campionato de Galicia.

No torneo da seguinte tempada o Real Club Coruña sufriu unha polémica descualificación que logo foi revogada pola RFEF aínda que non deu tempo para facer efectiva a decisión do órgano estatal e finalmente proclamaríase campión o Fortuna de Vigo. Dende esta segunda edición do campionato, ademais da disputa do propio título de campión galego, o torneo tamén servía para obter a clasificación para a Copa de España.

                                     

1.3. Historia O campionato non disputado

No verán de 1915, unha selección de xogadores do Vigo Sporting e do Fortuna de Vigo acudiu a Lisboa para xogar un partido amigábel despois de recibir unha invitación. Os regulamentos da RFEF acabados de aprobar obrigaban a notificar a disputa de encontros internacionais con 15 días de antelación. Os xogadores viaxaron igualmente a Lisboa e a FGF notificou o asunto á RFEF, a cal autorizou á FGF para que impuxese as sancións que considerase oportunas" tendo presente que prefería que sufrise menoscabo o prestixio do Comité Nacional a que se causase prexuízo ao desenvolvemento da vida futbolística galega”. A FGF sancionou o Vigo Sporting, suspendendo da competición a todos os seus equipos durante un ano e impoñendolle unha multa de 500 pesetas, namentres que os seis xogadores do Fortuna que viaxaron a Lisboa foron sancionados de xeito indiviual, sendo suspendidos por un ano, e o Fortuna como club non foi sancionado. Algúns clubs pediron até en dúas ocasións que se realizase unha asemblea para discutir o tema, sendo denegadas as respectivas peticións pola directiva da FGF. Neste contexto e xa no mes de novembro, o Deportivo Auténtico e o Real Club Coruña, que ían participar no Campionato de Galicia desa tempada xunto co Fortuna, retiráronse do mesmo e formaron a Unión Galega de Clubs xunto co Vigo Sporting, organizando un campionato propio no que tomaron parte os tres clubs desconformes coa FGF. Este Campionato da Unión foi coñecido tamén como o campionato de honra e foi gañado polo Vigo Sporting. Por outra parte, despois de se retiraren o Deportivo Auténtico e o Coruña, o comité da FGF proclamou campión oficial ao Fortuna sen ter que xogar ningún partido

No mes de febreiro de 1916 o comité nacional da RFEF decidiu levantar a sanción que impuxera a FGF ao Vigo Sporting e aos xogadores do Fortuna. Ese mesmo mes foi celebrada unha asemblea extraordinaria da RFEF, na que a representación da FGF entregou un escrito en protesta e abandonou a reunión. As outras tres federacións que conformaban a RFEF Cataluña, Norte e Centro acordaron dar de prazo ata o 15 de marzo para que a FGF arranxase o problema do fútbol galego ou sería expulsada da federación estatal. Galicia foi excluída da Copa de España por non solucionar os seus problemas internos antes da devandita data. A final do campionato, que nun principio estaba planeado que se xogase en Galicia, foi trasladada finalmente a Barcelona. A directiva da FGF presentou a súa dimisión e foi elixida unha nova directiva. Finalmente, unha asemblea da FGF en xuño de 1916 decidiu anular o Campionato de Galicia 1915/16 e non considerar campión ao Fortuna nin a ningún outro equipo.



                                     

1.4. Historia O preito Vigo-Fortuna pola Copa do Rei

O campionato da tempada 1917/18 foi gañado polo Fortuna de Vigo, pero posteriormente sería anulado. Na edición de 1918/19 proclámase campión o Vigo Sporting, que tamén gañara o campionato da tempada 1916/17, correspondéndolle dese xeito a Copa do Rei en propiedade por ser o primeiro club en gañar tres veces o campionato. O Fortuna, campión da temporada anterior, négase a entregar o trofeo ao Vigo Sporting, argumentando que o Fortuna é o posuidor lexítimo do torneo baseándose en que o campionato non disputado da tempada 1915/16 fora outorgado pola directiva da FGF decisión que fora anulada posteriormente, cando se arranxou o problema xurdido aquela tempada ao club fortunista e polo tanto foi este o primeiro en gañar tres veces o campionato. A FGF ordena que o Fortuna entregue o trofeo, pero estes non aceptan a decisión e son excluídos do campionato polo órgano federativo. O Fortuna agarda entón por unha decisión da RFEF, que non dá chegado, ante o cal decide abandonar a FGF e unirse á Liga Rexional de Clubs de Fútbol. Paralelamente, o Fortuna formaliza unha queixa ante o gobernador civil da provincia de Pontevedra, que anula a asemblea da FGF de decembro de 1918 por irregularidades na representación do Pontevedra Athletic Club e do Deportivo da Coruña. En novembro de 1919, celébrase unha asemblea da FGF na que se anula o Campionato de Galicia 1917/18 que gañara o Fortuna. Noutra nova asemblea levada a cabo no mesmo mes, considérase ao Pontevedra Athletic herdeiro dos dereitos federativos do Pontevedra Sporting Club e ao Deportivo da Coruña herdeiro dos dereitos federativos do Deportivo Auténtico. En xuño de 1920, anúnciase un acordo entre o Fortuna e o Vigo para solucionaren o problema do trofeo, segundo o cal o Fortuna reingresaría na FGF séndolle perdoadas as sancións, aínda que tendo que pagar o que debe, e a Copa do Rei sería posta outra vez en disputa. Porén, o acordo final non se acadaría até decembro do mesmo ano, cando se pactou que o Fortuna entregaría o trofeo á FGF, esta ao Vigo Sporting, e este último á RFEF en propiedade.

O torneo da tempada 1919/20 xogouse mentres o Vigo e o Fortuna mantiñan o litixio pola Copa do Rei. Nesta edición inicialmente ían participar o Vigo Sporting, o Deportivo da Coruña, o Real Club Coruña e o Pontevedra Athletic, pero o Coruña retirouse do campionato antes da primeira xornada e o Athletic non se presentou a xogar os partidos, ficando o torneo nun cara a cara entre o Vigo e o Deportivo, do que saíu campión o equipo vigués. O Fortuna non puido participar por estar fóra da FGF naquel momento.

                                     

1.5. Historia Da alternancia Vigo-Fortuna á alternancia Celta-Deportivo

Nun principio o Campionato só constaba dunha categoría pero a partir da tempada 1919/20 pasou a constar de dous divisións: a Serie A e a Serie B, e a partir de 1923 tamén dunha terceira: a Serie C. Entre todas estas categorías realizábanse ascensos e descensos con normalidade, de forma semellante ao sistema de divisións da Liga española de fútbol moderna.

As edicións de 1920/21 e 1921/22 foron gañadas polo Fortuna de Vigo e a edición de 1922/23 foi gañada polo Vigo Sporting, sendo esta a última edición xogada antes da fusión de ambos os clubs para formaren o Celta de Vigo. A partir deste suceso, o ata daquela tradicional dominio no campionato compartido polo Fortuna e Vigo Sporting dará paso á nova alternancia entre o Celta e o Deportivo da Coruña. A rivalidade entre estes dous equipos comeza axiña xa que varios xogadores do Vigo Sporting Luis Otero, Chiarroni e Ramón González non aceptan incorporarse ao novo club vigués xurdido da fusión e deciden fichar polo Deportivo, producindo unha denuncia do Celta ante a FGF que descualifacará o Deportivo da edición 1923/24, decisión que será revogada pola RFEF despois dun recurso do club herculino. Durante este periódo o Celta de Vigo domina o campionato e gaña tres torneos consecutivos entre 1923 e 1926. En 1927 o Deportivo consegue o seu primeiro campionato e gaña tamén a seguinte edición en 1928. O Racing de Ferrol conseguiu romper o dominio destes dous club e gañou o campionato 1928/29. Entre 1929 e 1934, o Celta gañou tres campionatos e o Deportivo outros dous.

                                     

1.6. Historia Coexistencia cos campionatos superrexionais

En 1934, a FEF leva a cabo unha reestruturación do fútbol estatal e crea unha serie de campionatos interrexionais, denominados oficialmente Superrexionais, situados xerarquicamente por riba dos campionatos rexionais tradicionais agás no caso do Campionato de Cataluña, que mantén o seu nivel de facto ao integrar en exclusiva un único grupo Superrexional e nos cales tomarán parte os equipos máis potentes que ata entón participaban nos respectivos campionatos rexionais. Galicia e Asturias son agrupadas no Superrexional Grupo 1º, coñecido popularmente como Campionato Mancomunado Galaico-Ástur, ficando encadrados na primeira edición disputada na tempada 1934/35 os clubs Celta de Vigo, Deportivo da Coruña e Racing de Ferrol, aínda que o torneo foi interrompido debido a problemas políticos en Asturias, onde tivo lugar a Folga xeral revolucionaria de 1934. Como resultado dividíuse o torneo en dous grupos paralelos: o galego e o asturiano, nos que o Celta e o Oviedo F.C. resultaron gañadores respectivamente. Así e todo, este non se pode denominar Campionato de Galicia, xa que nel tan só competían os tres clubs que formaban o sector galego do campionato superrexional. O Campionato de Galicia da Serie A foi gañado polo Unión Sporting Club de Lavadores.

Ao ano seguinte volveuse disputar o Campionato Mancomunado Galaico-Ástur. Esta vez a representación galega estivo formada polo Celta, o Deportivo e o Unión Sporting, que como consecuencia non participaron no Campionato de Galicia. Sería o Oviedo F.C. quen gañaría o mancomunado galaico-asturiano, finalizando o Unión Sporting subcampión. Esta sería a derradeira vez que se disputou. O 29 de maio de 1936, galegos e asturianos solicitaron a división do grupo superrexional perante a Asemblea anual da Real Federación Española de Fútbol, séndolles concedida. Ao mesmo tempo, disputouse o Campionato de Galicia e foi gañado polo Club Lemos. Neste mesmo ano, dispútase a primeira Copa Galicia, tomando parte nela os equipos que participaran nos dous devanditos campionatos.



                                     

1.7. Historia Guerra Civil

En xullo de 1936 estala a Guerra Civil e en outubro a FEF suspende as competicións a nivel estatal, pero permitindo ás federacións territoriais organizar as súas propias competicións oficiais se a situación así o permite. Galicia, ao estar afastada da fronte de batalla, continúa a desenvolver actividade futbolística malia as graves dificultades por mor da guerra. Así pois, a Asemblea da FGF decide organizar o Campionato de Galicia da tempada 1936/37, no que se proclama campión o Deportivo da Coruña.

Na primavera de 1937 constitúese unha FEF paralela na zona golpista, presidida por Luciano Urquijo e con sede en Donostia, que intenta asumir as prerrogativas da FEF, con sede en Madrid aínda que daquela dirixida dende a delegación de Barcelona. Producese entón unha dualidade federativa, que a FIFA acaba aceptando de forma provisional. Galicia, ao atoparse na área controlada polos sublevados, queda baixo a xurisdicción da FEF de Donostia. En decembro, Urquijo declara que deu instrucións ás federacións territoriais para organizaren campionatos desa categoría. A FEF de Donostia dá instrucións para reorganizar as federacións territoriais, nomeando un xestor único, cuxa primeira misión será a de organizar as competicións oficiais.

A edición 1937/38, titulada Copa Corpo de Exército de Galicia, é gañada polo Racing de Ferrol. O torneo de 1938/39 é gañado tamén polos ferroláns, outorgándolle a clasificación para a recentemente estreada Copa do Xeneralísimo, na que os racinguistas chegaron á final.

Ao finalizar a guerra, os campionatos disputados durante a mesma en ambas as zonas sublevada e gobernamental non foron anulados, aínda que non se tiveron en conta para os efectos de ascensos e descensos de categoría Circular nº 3 de 12 de agosto de 1939, do mesmo xeito que a situación legal das licenzas de xogadores retrotraeu á existente ao fin da tempada 1935/36 Asemblea de FEF do 22, 23 e 24 de xullo de 1939.

                                     

1.8. Historia Derradeira edición e supresión

Acabada a guerra e co réxime franquista xa instaurado, xogouse a derradeira edición do campionato, correspondente á tempada 1939/40, proclamándose campión o Deportivo da Coruña e subcampión o F.C. Vigués.

Para a tempada 1940/41, o Comité Directivo da FEF presidido por Luis Saura del Pan médico e ex xogador do Real Madrid decidiu suprimir de facto todos os campionatos rexionais, agás o canario, excluíndo de participar nos mesmos aos equipos encadrados no campionato estatal de Liga e modificando o sistema de clasificación para a Copa de España, que sería outorgada segundo a posición final acadada na propia Liga. Deste xeito, a Serie A - rebautizada como Preferente décadas máis tarde - converteuse na primeira división territorial galega dentro da Liga española. Antes desta reestruturación, os equipos galegos que participaban nas ligas estatais continuaban a participar simultaneamente no Campionato de Galicia, coa excepción das tempadas 1934/35 e 1935/36, que o fixeron no Galaico-Ástur.

Despois da eliminación do campionato, a Federación Galega de Fútbol organizou varias edicións da Copa Galicia durante o século XX, aínda que en moitas delas non participaron os equipos galegos que militaban nas divisións estatais máis altas 1ª e 2ª. Xa no século XXI, volveuse recuperar un torneo de equipos galegos de fútbol ano 2006 coa creación da Copa Xunta de Galicia, que despois pasaría a chamarse Copa Galiza, pero este proxecto durou poucas edicións.

Free and no ads
no need to download or install

Pino - logical board game which is based on tactics and strategy. In general this is a remix of chess, checkers and corners. The game develops imagination, concentration, teaches how to solve tasks, plan their own actions and of course to think logically. It does not matter how much pieces you have, the main thing is how they are placement!

online intellectual game →